Bo inicio de semana!
Que tal estades? Hoxe damos comezo a un novo mes, o mes de xuño. Xa estamos a mediados deste ano atípico... que rápido pasa o tempo! Pois ben, ocorríuseme unha actividade para repasar os meses do ano e mais a súa correspondencia numérica cando escribimos a data curta. Déixovos un exemplo:
- DATA LONGA: Luns, 1 de xuño de 2020
- DATA CURTA: 1/6/20
Unha das características dalgúns nenos e nenas que veñen ás miñas sesións de AL como aqueles que teñen Dislexia ou TDAH é a dificultade para recordar series memorísticas como os días da semana, os meses, as estacións do ano... Por iso, esta actividade vai especialmente adicada para todos eles, aínda que tamén está recomendada para todo o alumnado que precise repasar estes aspectos. Ademais, nesta actividade tamén traballamos a comprensión lectora, xa que non é o mesmo ler unha palabra que entender o significado da mesma, e isto é imprescindible para facer este exercicio.
Trátase, por tanto, dunha actividade onde o alumnado deberá ler cada unha das datas longas, identificar o mes e, axudándose dos dedos mentres vai oralizando un a un os meses na orde correspondente, identificará o número do mes para escribir ao lado a data curta.
Déixovos tamén, este póster que teño impreso ao lado da pizarra na miña aula para cando surxen dúbidas ao poñer a data polas mañás. Está escrito en galego e en castelán.
Espero que sexa do voso interese. Non dubidedes en escribirme suxeríndome novas actividades da temática que vos interese. Estarei encantada de recibir as vosas suxerencias :)
#ficamosnacasa
Comentarios
Publicar un comentario
Graciñas polo teu comentario :)