Saltar ao contido principal

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO


Ola a todos!

Hoxe, 23 de abril, conmemoramos o Día Internacional do Libro, celebración cuxo obxectivo principal é fomentar a lectura e o hábito lector. Durante estes días de confinamento, a música, o debuxo, o exericio físico e a lectura son a mellor forma de manter un equilibrio e saúde mental e física. En concreto, a lectura permítenos manter a cabeza ocupada e desconectar desta situación a través de fermosas poesías ou viaxando a outros mundos fantásticos sen movernos da casa. 
Como non podía ser doutra forma, a proposta de hoxe está relacionada con esta conmemoración.


En primeiro lugar, buscade tres libros que teñades pola casa, non importa que sexan libros para adultos, vale calquera tipo de libro. Estades preparados? Aí imos!

RETO 1: TES MEMORIA DE ELEFANTE? 
Lede un a un o título de cada libro, memorizádeo e, sen mirar, tratade de recordar todas as letras do título, se había algún "h", "b" ou "v", algunha tilde ou maiúscula... Transcribídeos e comprobade se están ben escritos. 

RETO 2: XOGAMOS COS TÍTULOS DOS LIBROS
Pensade e escribide unha oración con cada un dos títulos. Se é un título moi longo ou complicado, empregade só algunhas palabras. Por exemplo, co libro "Os tres porquiños" a min ocorríuseme esta oración: Os tres porquiños foron de excursión ao bosque despois de comer. 

RETO 3: ATRÉVESTE CUN POUCO MÁIS?
Se vos atrevedes a complicar un pouco máis o reto, podes facer unha gran frase moi tola collendo os títulos de todos os libros que elexíchedes. Por exemplo, eu cos títulos que escollín fixen a seguinte oración: Os tres porquiños foron á casa do colleiño branco para explicarlle cal é a cousa que máis doe no mundo. 
Non importa se as oracións que compoñades con esos tres títulos saen un pouco raras, o importante é que os cativos desenvolvan a súa creatividade e pasedes un bo anaco xuntos.

Por último, sacade unha fotografía ás vosas composicións e enviádemas para ver as cousas tan inxeniosas que escribíchedes. Podedes subir as fotos AQUI ou enviarmas ao meu correo electrónico desiree.martinez@edu.xunta.es. Iso sí, lembrade revisar todo o escrito para comprobar que non hai faltas de ortografía, que están todas as tildes, maiúsculas, puntos e signos de interrogación e exclamación xa que, se queredes, tamén podedes  crear preguntas ou exclamacións.
Espero que vos guste esta proposta e vos divirtades buscando por casa libros e xogando cos seus títulos.

Finalmente, gustaríame recordarvos a todas as familias que podedes facer uso da plataforma de empréstito das bibliotecas públicas galegas GALICIA LE, onde encontraredes libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico de diferentes temáticas tanto en galego coma en castelán. Tamén vos deixo ESTA LIGAZÓN dun documento elaborado pola biblioteca municipal León Gil onde atoparedes enlaces directos a diferentes contos infantís e xuvenís.

Felices lecturas!

#ficamosnacasa

Comentarios

Publicacións populares deste blog

FUNCIÓNS EXECUTIVAS: CONTROL INHIBITORIO

Bo día a todxs! Hoxe déixovos unha proposta destinada especialmente para todo aquel alumnado que presenta Trastorno por Déficit de Atención con ou sin Hiperactividade (TDA/TDAH). Esta actividade ten como obxectivo traballar as funcións executivas, máis concretamente o control inhibitorio. As funcións executivas son actividades mentais complexas necesarias para planificar, organizar, guiar, revisar e avaliar o comportamento necesario para acadar metas. Os nenos e nenas con TDA ou TDAH presentan dificultades nestes aspectos, de tal modo que o control inhibitorio é unha das funcións executivas esenciais no traballo co alumnado con TDAH para a mellora da impulsividade conductual. A proposta de hoxe consiste en dicir en voz alta o nome da cor na que están escritas as seguintes palabras , non na lectura das mesmas. Este é o denominado fenómeno Stroop. Para facer correctamente esta actividade é necesario impedir a intrusión dun proceso automático como é a lectura indicando a cor da tinta...

ORTOGRAFÍA VISUAL B/V

Bo día, familias! Hoxe quero presentarvos un método que emprego na miña aula para traballar a ortografía, o método de ortografía ideovisual creado por Manuel Sanjuán Nájera e Marta Sanjuán Álvarez da editorial Yalde . Este método é realmente interesante polos debuxos nos que se apoian as palabras con dificultade ortográfica (palabras con b/v, con g/j, ll/y, h...). O obxectivo é a exposición de palabras escritas con debuxos que representan o seu significado, e que se ubican naquelas letras onde o alumnado comete erros. Deste xeito, a memoria visual axúdanos a recordar a escritura correcta destas palabras.  A proposta que vos formulo hoxe está dirixida ao alumnado de niveles medios e superiores de educación primaria xa que co inicio da lectoescritura non debemos centrar tanto a atención na ortografía arbitraria e sí na asociación do sonido (fonema) coa súa representación escrita (letra ou grafía) e viceversa. Trátase dun recopilatorio de 117 tarxetas como as que vedes abaixo ...

DÍA INTERNACIONAL DO MEDIO AMBIENTE

Feliz venres, familias! Hoxe, 5 de xuño de 2020 conmemoramos o Día Internacional do Medio Ambiente e, como non podía ser menos, a proposta de hoxe é un visionado dun vídeo relacionado con esta temática.  Segundo os datos recollidos en 2019 cada persoa en España xenera 1,26 kg de residuos urbáns ao día, o que supón case media tonelada ao ano. Multiplicado polos 46.9 millons de habitantes que somos, o resultado produce calafríos: un total de 21,57 millóns de toneladas ao ano de basura municipal. En Estados Unidos a cantidade de lixo por persoa aínda é superior, non obstante, a maioría das persoas nunca pensan dúas veces sobre o seu lixo. Unha vez que está no vertedoiro, fóra da súa vista, está fóra da súa mente. Por este motivo, Rob Greenfield a través dun documental quixo crear unha imaxe visual que axudara ás persoas a comprender a cantidade de lixo que creamos e inspiralos a realizar cambios positivos. Durante 30 días, Rob viviu como un estadounidense medio e usou cada a...